23.1.09

A Consellería suspende as clases




Educación suspende hoxe as clases nas provincias da Coruña e Lugo ante a previsión dun episodio meteorolóxico adverso por vento en terra de nivel de alerta laranxa



A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ante a previsión dun episodio meteorolóxico adverso por vento en terra de nivel de alerta laranxa que afectará principalmente ás provincias da Coruña e de Lugo, e como medida preventiva, decidiu pechar durante a xornada de hoxe venres todos os centros de ensino non universitarios destas dúas provincias.
Esta decisión foi comunicada aos 820 centros educativos pertencentes ás provincias da Coruña e de Lugo, nos que estudan preto de 190.000 alumnos/as, e ás empresas que realizan o servizo de transporte escolar nestas dúas provincias.
A decisión adoptouse despois das conversas mantidas entre a conselleira de Educación e os responsables das Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
Segundo as previsións do Centro Meteorolóxico Territorial da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o vento será especialmente intenso a partir do mediodía, podendo acadar os 140 quilómetros por hora, nas provincias da Coruña e Lugo.