12.11.14

A castaña de Mael



Amigos e amigas, un ano máis chegou o tempo de magosto, e a señora Amelia, veu á nosa clase coas súas historias  da castiñeira do Rego.





De cando  no patio do cole había unha castiñeira abondosa


Hai moito, moito tempo, no patio do  voso cole había unha castiñeira grande, moi grande, tan grande que para a rodear,necesitábanse a lo menos  os brazos de cen persoas. 
Un día de outono, cando as castañas estaban xa a piques de regañar os dentes,  pasou cerca do Rego un neno.
O neno, non era grande nin pequeno, era un neno normal para a súa idade pero moi  listo. Ao ver os ourizos tan grandes, pensou que podería abanear a castiñeira  por ver se caía algún daqueles fermosos ourizos que mesmo algún parecía de ouro pois o sol estaba a brillar moito.
Sen o pensar máis, foise directamente ao pé do tronco da vella árbore para o abanear e meu dito, meu feito,  abriu os brazos e axitou…

-Quen anda a me facer cóxegas? Non vedes que estaba a durmir porque me agardan días de moito traballo? Xa non se respecta a ninguén.

Mael, que así se chamaba o neno, quedou abraiado e mesmo algo asustado, non moito porque sempre dicía que era moi valente, ao  oír falar á castiñeira.
-Como vai falar unha castiñeira – pensou-  parvadas, alguén estará agochado detrás seguro. E volveu a intentar mover a árbore.
-Estou dicindo que me deixes durmir, rapaz, ou non oes ben!
-E, é a min? Quen fala?
-Si, son eu e fáloche a ti, pillabán,  que andas a me amolar  con tanta cóxega.
-Mael non sabía que dicir, pero pensou que se lle andaban os amigos a gastar unha broma, o mellor era disimular o medo que tiña. Aínda lle deu tempo de coller unha castaña que gardou no peto e votou a correr.
-En non ando a lle facer cóxegas a ninguén, estou abaneando a castiñeira porque algúns ourizos xa comezan a regañar e quero  levar castañas para a merenda.
-Pero con quen falas rapaz? Non vexo a ninguén,  seica toléache,  de que castiñeira falas?
-Non deberías estar na escola neno?
-Xa estou na escola señor,  é o tempo de recreo…

-Veña Mael, corre, xa subiron todos á clase, vannos castigar.

Ao día seguinte no Cole era a festa do Magosto. Tódolos nenos e nenas levaban unha  presiña de castañas para asalas, comelas e despois xogar a unha morea de xogos, era unha festa grande e ás veces viñan gaiteiros e todos bailaban, tamén cantaban as pandeireteiras. Era unha festa moi linda.
Este ano algo fallou,  porque ninguén acordara pedir castañas mordidas nin avisar aos gaiteiros, nin as nenas de actividades de pandeireta prepararan nada.

-Non hai Magosto nenos, dixo a profe,  non se pode organizar  porque non hai castañas. Houbo unha seca tremenda e os castiñeiros non deron castaña ningunha.
Os nenos e as nenas de terceiro comezaron a chorar ao principio e mesmo a se enfadar un pouco… bastante, a dicir a verdade.
-Sinto moito, pero non pode haber Magosto sen castañas.

Mael estaba a piques de abrir a boca para dicir que era inxusto cando notou algo no peto do pantalón, meteu a man e viu que tiña unha castaña. Quen lle metera aquela castaña no peto do pantalón?

-Podo ir ao servizo, por favor? -dixo

No canto de ir ao servizo, votou a correr escaleiras abaixo, tiña pouco tempo e confiaba en que nono vira ninguén.
Coa castaña na man foi ao fondo do patio dos pequenos, dando a volta a todo correr.
Ao chegar, abriu  a man e amosando a dourada castaña, berrou:
- Avoa Amelia,  axuda, non temos castañas!
E toda a clase votou a rir, que dis Mael?
Xusto nese momento, petaron na porta da clase. Xa podedes baixar, as castañas e xa están preparadas.
Que si estaban, chegaba o arrecendo ata alí. 
Vaia Magosto que fixemos! 

Manuela